Postgrowth S. A.: Pontevedra. Imaxinando as cidades do futuro

Que é Posgrowth S. A.: Pontevedra

Postgrowth SA: Pontevedra é un proxecto de ciencia cidadá nas ciencias sociais. O proxecto ten como obxectivo producir coñecemento sobre a innovación sen crecemento nun contexto territorial local. O proxecto involucra ao alumnado e profesorado de 1º de Bacharelato do municipio de Pontevedra, a través da súa participación nun proceso de ciencia cidadá no marco da investigación levada a cabo no proxecto ERC Starting Grant PROSPERA "Prospering without growth: Science, Technology and Innovation in a post-growth era" (GA 947713).

O alumnado colaborará no deseño do protocolo de investigación, na recollida de datos, na análise e interpretación dos mesmos, e tamén na diseminación e transferencia dos resultados. O proxecto combina traballo do profesorado co alumnado e sesións presenciais onde persoas do equipo de investigación traballarán temas específicos co alumnado. O proxecto remata en Xuño de 2024, na 10ª Conferencia Internacional de Decrecemento e 15ª Conferencia da Sociedade Europea para a Economía Ecolóxica, que terá lugar na cidade de Pontevedra nesa data. Deste xeito, alumnado e profesorado teñen a oportunidade de involucraranse na coprodución de coñecemento xunto coa comunidade académica de todo o mundo, e de participar nun proxecto que pretende sentar precedentes para ampliar a forma de levar a cabo a investigación.

En paralelo, o proceso de ciencia cidadá será monitorizado para xerar coñecemento sobre o propio proceso, e será recollido nun vídeo documental. Isto facilitará a comunicación do mesmo e permitirá a súa reproducibilidade noutras cidades.

O proxecto en detalle

O proxecto xira en torno a un proceso de investigación completo que inclúe dende a fase inicial de formulación das preguntas de investigación ata a diseminación e transferencia dos resultados (Fig. 1). O desenvolvemento do proxecto acontece durante o curso escolar 2023/2024, dende setembro de 2023 ata xuño de 2024 (Fig. 2). Ao longo do proxecto, profesorado e alumnado participan en diferentes etapas do proceso de investigación (recadros amarelos na Fig. 1), e finaliza coa súa participación na conferencia internacional no verán de 2024.

Fig. 1. Diagrama de fluxo do proxecto. En azul, os pasos definidos previamente polo equipo de traballo do proxecto. En amarelo, os pasos nos que participa o alumnado e profesorado. En marrón, as sesións presenciais con persoal do equipo de traballo. En verde, as sesións mínimas a realizar polo profesorado involucrado no proxecto.

O proceso de investigación

O proceso de investigación organízase en oito etapas principais:

  1. Formulación das preguntas de investigación
  2. Decisión sobre a posición ontolóxica e epistemolóxica
  3. Metodoloxía e métodos
  4. Protocolo de recollida de datos
  5. Recollida e preparación de datos
  6. Análise de datos
  7. Interpretación de datos e conclusións
  8. Divulgación e transferencia

Os centros educativos participan activamente a partir da cuarta etapa. De maneira orientativa, a investigación se enmarca na pregunta xenérica de como innovar sen crecemento, é dicir, como innovar sen estar suxeitos ao condicionante da xeración de beneficios ou do crecemento económico. En particular, a investigación é probable que se centre en como innovar sen crecemento nas cidades, de forma que o alumnado e o profesorado participará activamente na xeración de coñecemento para construír lugares máis sostibles e socialmente xustos no lugar onde conviven.

Para levar a cabo a investigación, é preciso seleccionar casos de estudo e analizar elementos que serán definidos previamente polo equipo de investigación da Universidade de Vigo. Unha vez seleccionados os casos de estudo, formaranse grupos de traballo nos distintos centros participantes, de forma que os casos e os temas a investigar sexan abordados de forma colaborativa entre tódolos grupos.

Tras a análise e interpretación dos resultados, o alumnado preparará charlas para levar á conferencia no verán de 2024. No marco do que vimos de denominar Espazo Xove, o alumnado participará activamente na conferencia, non soamente coa presentación dos resultados de investigación, senón tamén coa preparación de actividades interactivas que poñan en común a diferentes actores da sociedade, incluíndo persoas da academia, da administración pública, da política, da empresa e da cidadanía.

O proceso de ciencia cidadá

A ciencia cidadá en un proceso novidoso para xerar coñecemento, especialmente no marco das ciencias sociais. Polo tanto, as persoas participantes participarán nun proceso de investigación innovador que pretende abrir camiño a novas formas de xerar coñecemento. Para que o proceso sexa viable, é preciso facer converxer as necesidades de rigorosidade da ciencia coas habilidades e ferramentas dispoñibles nos centros educativos, e en particular no curso de 1º de Bacharelato. É dicir, é preciso encontrar un punto medio entre o acceso ao máximo rigor posible e a participación de centos de persoas no proceso de investigación.

Para empezar, o proceso de ciencia cidadá fai indispensable a colaboración do profesorado ao longo de todo o proceso. A principal labor do profesorado é a de motivar ao alumnado a participar activamente no proxecto, e tamén a de axudar a coordinar a súa participación. Ao inicio do curso escolar, o profesorado participante recibirá un documento con tódolos temas teóricos que se manexarán ao longo do proceso de investigación, de forma que poidan lelo e adquirir os coñecementos básicos para moverse con comodidade no proxecto. Ademais, se pedirá ao profesorado que traballe co seu alumnado algúns dos temas clave, de forma que cando o equipo de investigación da universidade acuda ao centro educativo poida ter o camiño aberto para traballar directamente eses temas e solucionar as dúbidas. As sesións que se estiman necesarias a desenvolver polo profesorado preséntanse en verde na Fig. 1.

Por outra banda, o equipo de investigación debe garantir en todo momento que tódalas persoas involucradas entenden e son conscientes das diferentes partes do proxecto. O equipo de investigación, a través dunha persoa dedicada en exclusiva a esta fin, estará e contacto continuado co profesorado e alumnado involucrado no proxecto. Ademais, levará a cabo unha serie de visitas aos centros que permitirán traballar aspectos clave do proceso de investigación, organizar as diferentes etapas, discutir os resultados e preparar a súa participación na conferencia. A transparencia será un aspecto esencial para o correcto funcionamento do proceso.

A continuación, preséntanse os principais eventos que acontecerán ao longo do proxecto. As sesións, por norma xeral, están pensadas para ser desenvoltas nunha ou dúas horas. Por suposto, o profesorado pode decidir empregar máis horas para traballar os diferentes temas do proxecto.

  • Sesión de lanzamento (equipo de investigación): sesión presencial u online na que o equipo de investigación se reúne co profesorado participante no proxecto, de xeito que se poida preentar o proceso, explicar de maneira detallada o seu funcionamento e responder a todas as dúbidas sobre o mesmo.
  • Sesión de preparación (profesorado): tras recibir o material necesario sobre o proxecto (incluíndo a teoría necesaria), o profesorado leva a cabo unha sesión na que explica e motiva o proxecto, os principais contidos teóricos, e o significado dun proceso de investigación en ciencias sociais. Aínda que o profesorado recibe material de lectura e audiovisual, pode decidir en todo momento como quere traballar os contidos.
  • Sesión de preparación (equipo de investigación): a primeira visita ao centro do equipo de investigación está destinada a afianzar os coñecementos traballados previamente co profesorado, a adquirir unha imaxe panorámica do proxecto, e a motivar ao alumnado a participar activamente no mesmo.
  • Sesión de protocolo (profesorado): nesta segunda sesión de traballo independente, o profesorado trata de detectar, xunto co alumnado, potenciais casos de estudio para ser analizados na investigación.
  • Sesión de protocolo (equipo de investigación): nesta segunda visita ao centro, o equipo de investigación explica a metodoloxía e os métodos a empregar (por exemplo, entrevistas estruturadas para ser analizadas de forma abdutiva). Na sesión se porán en común casos de estudo pensados polo equipo de investigación e casos de estudo pensados na sesión independente previa. Finalmente, organizaranse grupos de traballo para levar a cabo a recollida de datos.
  • Coordinación na recollida de datos (profesorado): a recollida de datos é o proceso mediante o cal o alumnado realiza, por exemplo, as entrevistas, e as transcribe para ser posteriormente analizadas. Para flexibilizar o traballo dos grupos, o profesorado encargarase de que o proceso se está a desenvolver e de que o alumnado involucrado está realizar a devandita recollida e a transcrición deses datos.
  • Sesión de análise de datos (profesorado): tras recibir un modelo normalizado, o profesorado leva a cabo, xunto co alumnado, unha sesión para analizar os datos recollidos e transcritos previamente. O modelo normalizado inclúe as preguntas que é preciso responder a partir dos datos recollidos. O obxectivo desta sesión, polo tanto, é cubrir o formulario para poder envialo ao equipo de investigación. Esta sesión é clave, polo que se recomenda dedicar o tempo necesario para que os resultados sexan o máis rigorosos posibles.
  • Sesión de análise de datos (equipo de investigación): tras recibir os formularios dos diferentes casos de estudo, o equipo de investigación levará a cabo unha segunda etapa de análise de datos. Empregando os datos orixinais (as transcricións), o equipo de investigación poderá comprobar os resultados en caso de dúbidas, e levar a cabo unha análise común dos diferentes casos, extraendo así os resultados da investigación a partir da análise conxunta de tódolos casos de estudo. Estes resultados conxuntos serán presentados na terceira visita ao centro, e postos en común co alumnado e profesorado participante para discutilos, validalos ou modificalos se é necesario.
  • Sesión de resultados finais e preparación da conferencia (equipo de investigación): ao finalizar tódalas visitas aos centros nas que se aborda a análise de datos, ten lugar a cuarta visita do equipo de investigación. Nesta visita, se expoñen os resultados finais da investigación. Posteriormente, se organizan grupos de traballo para a conferencia, incluíndo grupos de traballo para a presentación dos resultados na conferencia e grupos de traballo para a organización de diferentes actividades no marco do Espazo Xove.
  • Sesión de conferencia (profesorado): para preparar a conferencia, recoméndase que o profesorado axude ao alumnado involucrado, e que dedique unha sesión a preparar de forma axeitada as presentacións que serán levadas, posteriormente, á conferencia internacional.
  • Conferencia: a conferencia dura tres días. Alumnado e profesorado participarán na conferencia no marco do Espazo Xove. O Espazo Xove ten tres liñas principais: 1) tanto alumnado como profesorado terá acceso a tódalas sesións que queiran atender, 2) o alumnado involucrado poderá presentar resultados da investigación na conferencia, e 3) no espazo físico destinado para este Espazo Xove, alumnado e profesorado levarán a cabo actividades interactivas con diferentes actores da sociedade.

O cronograma

Na Fig. 2 preséntase o cronograma estimado do proxecto. As últimas dúas liñas da táboa mostran o calendario estimado tanto das sesións independentes (as do profesorado) coma das visitas do equipo de investigación ao centro. O resto das liñas da táboa presentan as diferentes etapas do proceso de investigación completo. 

  • Setembro e Outubro: O equipo de investigación pon a punto o proxecto, prepara o material didáctico, e o comparte co profesorado. O profesorado ten tempo para ler o temario e empaparse dos coñecementos necesarios para sentirse cómodo coa súa participación no proxecto. Organízase a sesión de lanzamento na que participan o equipo investigador do proxecto e o profesorado dos centros.
  • Novembro: Sesión de preparación do alumnado por parte do profesorado. Primeira visita ao centro do equipo de traballo para presentar o proxecto e motivar a participación do alumnado no mesmo.
  • Decembro: Sesión de protocolo por parte do profesorado para pensar en común posibles casos de estudo.
  • Xaneiro: Segunda visita ao centro do equipo de investigación para decidir de forma colaborativa os casos de estudo e organizar a recollida de datos.
  • Febreiro e marzo:  Recollida de datos. A recollida de datos é unha das tarefas centrais do alumnado. O profesorado encargarase de promover que o proceso de recollida de datos se efectúe adecuadamente. O equipo de traballo do proxecto, pola súa banda, estará en contacto directo tanto co alumnado coma co profesorado involucrado no proxecto para solucionar calquera dúbida ao respecto. O proceso de recollida de datos debe terminar, a mais tardar, a finais do  mes de marzo. A recollida de datos inclúe tamén a transcrición anónima das entrevistas. Os datos (a transcrición das entrevistas e outros documentos de interese) serán almacenados de forma segura segundo o acordado previamente no plan de xestión de datos elaborado polo equipo de traballo e comunicado aos grupos participantes na segunda visita ao centro.
  • Abril: Sesión de análise de datos realizada polo profesorado onde se cubrirán os modelos normalizados para responder as preguntas clave.
  • Abril-Maio: Terceira visita ao centro do equipo de traballo para traballar na análise de datos.
  • Maio-Xuño: Cuarta visita ao centro do equipo de investigación para expoñer os resultados finais da investigación e organizar a participación do alumnado e profesorado na conferencia.
  • Final de Xuño: Conferencia.

Fig. 2. Cronograma estimado do proxecto. O proxecto esténdese a longo de todo o curso escolar, dende setembro de 2023 a xuño de 2024. É importante ter en conta que o cronograma é unha estimación e pode sufrir modificacións ao longo do curso por múltiples circunstancias.

Mostra de interese

Se queres que o teu centro forme parte do proxecto Postgrowth S. A. Pontevedra, enche e asina o formulario que poderás descargar neste enlace.

FAQs (Preguntas frecuentes)

¿Quen pode participar?

O proxecto está deseñado para involucrar ao alumnado de 1º de Bacharelato. Calquera instituto da cidade de Pontevedra pode participar.

¿Canto custa?

O proxecto non ten custe económico para os institutos participantes. O proxecto xorde como iniciativa dende a Universidade de Vigo e o Concello de Pontevedra, e está cofinanciado pola FECYT (Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología). 

¿Como participo?

Simplemente, cubre o formulario de “Mostra de Interese” que se inclúe neste documento, e envíao a dirección de correo electrónico brsuarez@uvigo. gal.

¿Ata cando podo inscribirme?

Ata final de Setembro, aínda que se solicitará que antes de agosto se amose interese. De esta forma, o equipo de traballo poderá axustar os recursos necesarios en función do número de participantes.

¿Que supón a miña participación?

Un compromiso, asinado, co proxecto. Ao inicio do proxecto, o centro, a través dunha persoa que actúe en representación do mesmo, deberá asinar o seu compromiso de participación con proxecto. Isto débese a que o cálculo de recursos necesarios para executar o proxecto depende do número de entidades participantes, polo que é importante manter o compromiso ao longo de todo o curso escolar.

¿Que se ofrece?

Fundamentalmente, a oportunidade de involucrar ao alumnado nun proceso de investigación real no marco dunha investigación financiada con fondos europeos, e de participar nunha conferencia científica internacional, presentando os traballos no marco do evento e entrando en contacto coas mellores investigadoras e investigadores internacionais no eido do poscrecemento e a economía ecolóxica.

Trátase dun proxecto innovador que pretende sentar precedentes na forma de levar a cabo a investigación ofrecéndose, polo tanto, una experiencia única tanto para o profesorado coma para o alumnado. Ao finalizar o curso, tódalas persoas involucradas (docentes e alumnado) recibirán a súa acreditación conforme teñen participado no proxecto de forma activa.

Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT)

Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT)

Universidade de Vigo

Universidade de Vigo

Concello de Pontevedra

Concello de Pontevedra