Máis aló da Conferencia

Un evento científico destas características representa unha oportunidade única para achegar o público á ciencia. É un momento para dar a coñecer á sociedade o traballo realizado polo persoal investigador nos campos da economía ecolóxica e o decrecemento, sensibilizar a opinión pública sobre a necesidade de establecer novas formas de desenvolvemento social e abordar a transición ecolóxica, e implicar o público no debate sobre a necesidade do decrecemento e as súas posibles formas. Destácase, así mesmo, a importancia de achegar a sociedade ás comunidades científicas, para favorecer a comprensión e a colaboración. Con estes obxectivos en mente, a conferencia inclúe diferentes actividades dirixidas ao público en xeral, facendo fincapé na participación da mocidade.

No marco da conferencia, levaranse a cabo unha serie de iniciativas destinadas a implicar a poboación en xeral e a fomentar a participación activa das persoas asistentes. Estes actos son un escenario perfecto para que a cidadanía tome parte en debates relativos aos temas abordados durante a conferencia e consistirán en diversas actividades como charlas, exposicións, obradoiros interactivos, mesas redondas, espazos de debate, representacións artísticas etc., ofrecendo unha plataforma para que a poboación en xeral se implique e participe activamente na conferencia.

O programa será público e calquera persoa interesada poderá asistir de balde a estas actividades. Para facilitar a asistencia, a maioría delas desenvolveranse nas linguas locais, galego e castelán, e terán lugar en diversos espazos repartidos pola cidade, cunha distancia entre eles sempre inferior a dez minutos a pé. Os espazos serán a Casa dás Campás, o Museo Provincial de Pontevedra e outros.