Espazo Xove

Un dos aspectos máis innovadores da conferencia é a creación dun espazo onde a mocidade poida participar de forma activa, denominado Espazo Xove. Esta iniciativa xorde do afán de conectar a ciencia coa poboación xeral, un desexo compartido por todas as persoas que interveñen na organización do evento. 

O Espazo Xove facilita a participación adolescente mediante a súa asistencia a diversas sesións da conferencia e ofrece un espazo físico no que terá lugar un conxunto de actividades, como talleres, presentacións de pósters, charlas ou mesas redondas. Con este espazo preténdese tender unha ponte entre a conferencia e a comunidade educativa asociada ás persoas participantes.  

O Espazo Xove é o resultado dun proxecto que terá lugar na cidade de Pontevedra durante o curso 23/24 baixo o nome de Postgrowth SA : Pontevedra. Trátase dun proxecto de ciencia cidadá financiado pola FECYT  (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía) no ámbito das ciencias sociais cuxo obxectivo é xerar coñecemento sobre como fomentar a prosperidade nas cidades sen o imperativo do crecemento económico. Ao longo do curso académico, o estudantado de 1º de bacharelato e o profesorado implicado converteranse en científicos e científicas sociais e participarán na investigación. O proxecto conta tamén co apoio do proxecto europeo ERC Starting Grant PROSPERA "Prosperar sen crecemento : Ciencia, Tecnoloxía e Innovación nunha era posterior ao crecemento"  (GA 947713). O Espazo Xove permitirá a todas as persoas participantes difundir os resultados da investigación e levar a cabo actividades de participación cidadá para involucrar diferentes sectores da sociedade, incluíndo actores dos ámbitos político, administrativo, empresarial e académico.