Postgrowth S.A: Pontevedra é un proxecto de ciencia cidadá en ciencias sociais que busca co-crear a cidade do futuro, unha cidade ecolóxica, sostible, deseñada para vivila e gozala en comunidade. O proxecto involucra ao alumnado e profesorado de 1º de Bacharelato do municipio de Pontevedra. A través da investigación de diversos casos de estudo locais, alumnado e profesorado participarán no estudo, dende unha perspectiva científica,das mellores solucións creativas para abordar os retos ecolóxicos e sociais aos que nos enfrontamos na actualidade.
O proxecto iníciase en Setembro de 2023 e remata coa participación do alumnado e profesorado na 10ª Conferencia Internacional de Decrecemento e 15ª Conferencia da Sociedade Europea para a Economía Ecolóxica, que terá lugar na cidade de Pontevedra en Xuño de 2024. Ao longo do curso, combinaranse sesións presenciais cun proceso de titoría constante por parte do equipo de traballo da Universidade de Vigo. Estas sesións sentarán as bases para que alumnado e profesorado colaboren no deseño do protocolo de investigación, a recollida de datos, a análise e interpretación dos mesmos, e tamén a diseminación e transferencia dos resultados. Isto último acontecerá fundamentalmente no marco da iniciativa Espazo Xove da conferencia.
O proxecto, polo tanto, ofrece a oportunidade única de involucrar ao alumnado nun proceso de investigación real no marco dunha investigación financiada pola Fundación Españoña para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) e co apoio do proxecto europeo PROSPERA (ERC Starting Grant, GA 947713). Ao finalizar, tódalas persoas implicadas recibirán a súa acreditación de participación no proxecto.
En paralelo, o proceso de ciencia cidadá será monitorizado para xerar coñecemento sobre o propio proceso de ciencia cidadá, e será recollido nun vídeo documental. Isto facilitará a comunicación do mesmo e permitirá a reproducibilidade deste proxecto pioneiro noutras cidades.