Postgrowth S.A.: Pontevedra. Imaxinando as cidades do futuro

Que é Posgrowth S.A.: Pontevedra

Postgrowth S.A : Pontevedra é un proxecto de ciencia cidadá en ciencias sociais que busca co-crear a cidade do futuro, unha cidade ecolóxica, sostible, deseñada para vivila e gozala en comunidade. O proxecto involucra ao alumnado e profesorado de 1º de Bacharelato do municipio de Pontevedra. A través da investigación de diversos casos de estudo locais, alumnado e profesorado participarán no estudo, dende unha perspectiva científica, das mellores solucións creativas para abordar os retos ecolóxicos e sociais aos que nos enfrontamos na actualidade. 

O proxecto iníciase en Setembro de 2023 e remata coa participación do alumnado e profesorado na 10ª Conferencia Internacional de Decrecemento e 15ª Conferencia da Sociedade Europea para a Economía Ecolóxica, que terá lugar na cidade de Pontevedra en Xuño de 2024. Ao longo do curso, combinaranse sesións presenciais cun proceso de titoría constante por parte do equipo de traballo da Universidade de Vigo. Estas sesións sentarán as bases para que alumnado e profesorado colaboren no deseño do protocolo de investigación, a recollida de datos, a análise e interpretación dos mesmos, e tamén a diseminación e transferencia dos resultados. Isto último acontecerá fundamentalmente no marco da iniciativa Espazo Xove da conferencia

O proxecto, polo tanto, ofrece a oportunidade única de involucrar ao alumnado nun proceso de investigación real no marco dunha investigación financiada pola Fundación Españoña para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) e co apoio do proxecto europeo PROSPERA (ERC Starting Grant, GA 947713). Ao finalizar, tódalas persoas implicadas recibirán a súa acreditación de participación no proxecto.

En paralelo, o proceso de ciencia cidadá será monitorizado para xerar coñecemento sobre o propio proceso de ciencia cidadá, e será recollido nun vídeo documental. Isto facilitará a comunicación do mesmo e permitirá a reproducibilidade deste proxecto pioneiro noutras cidades.

Detalles do proxecto

O proxecto divídese en dúas partes principais : investigación de solucións creativas, e participación na conferencia. Durante os meses de Setembro de 2023 a Maio de 2024, o proxecto está centrado na investigación de solucións creativas para os retos ecolóxicos e sociais que emerxen nas cidades do século XXI. O resultado será unha axenda de cambio transformadora para a cidade. Posteriormente, en Xuño de 2024 terá lugar a conferencia. 

En termos operativos, en Setembro terá lugar unha sesión de lanzamento onde o equipo de investigación da universidade explicará ao persoal docente participante os detalles do proxecto, e sentará as bases para o correcto funcionamento do mesmo ao longo do curso. Nesta sesión tamén se formalizará a participación dos centros no proxecto. Ademais, ao longo do curso, haberá catro sesións presenciais co alumnado e o profesorado para traballar diferentes aspectos do proxecto. A Fig. 1 mostra o cronograma estimado destas sesións.

Seguindo o cronograma, a primeira sesión presencial co alumnado terá lugar en Novembro, e estará destinada a explicarlle o proxecto e debater sobre os diferentes casos de estudo a investigar na cidade. A segunda terá lugar ao redor de Xaneiro, e servirá para sentar as bases de cara a preparar o traballo de campo do alumnado nos diferentes casos de estudo. A terceira sesión terá lugar en Abril, e o obxectivo da mesma será traballar os resultados dos casos de estudo. A cuarta e última sesión terá lugar en Maio, e enfocarase en preparar o camiño cara a conferencia de Xuño. As características do proxecto fan indispensable a colaboración do profesorado ao longo de todo o proceso, sendo a súa principal labor motivar ao alumnado a participar activamente no proxecto, e axudar a coordinar a súa participación.

En canto á conferencia, a iniciativa Espazo Xove actuará coma ponte entre os centros educativos participantes no proxecto e a organización da conferencia. O Espazo Xove materialízase a través da asistencia de adolescentes ás distintas sesións da conferencia, pero tamén a través dun espazo físico onde se desenvolverán actividades de diversa natureza, como obradoiros, presentación de carteis, charlas ou mesas redondas. Será, polo tanto, un espazo para poñer en valor o traballo realizado ao longo do curso, pero tamén onde facer converxer aos diferentes sectores da sociedade, incluíndo persoas do ámbito político, administrativo, empresarial ou académico.

En definitiva, o proxecto ten un carácter esencialmente transversal, tocando aspectos que abranguen a tecnoloxía, a natureza, a política ou a filosofía.

Fig. 1. Cronograma estimado do das sesións presenciais. En verde, a sesión de lanzamento na que participarán o equipo de investigación e o equipo docente. En marrón, as sesións presenciais para traballar co alumnado. En azul, a conferencia. 

Mostra de interese

Se queres que o teu centro forme parte do proxecto Postgrowth S.A. Pontevedra, enche e asina o formulario que poderás descargar neste enlace.

FAQs (Preguntas frecuentes)

¿Quen pode participar ?

O proxecto está deseñado para involucrar ao alumnado de 1º de Bacharelato. Calquera centro educativo do termo municipal de Pontevedra que conte con alumnado dese curso pode participar.

¿Canto custa ?

O proxecto está financiado ao 100 %, polo que non ten custe económico para os centros educativos. Xorde como iniciativa dende a Universidade de Vigo e o Concello de Pontevedra, e está cofinanciado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT). 

¿Como participo ?

Cubrindo o formulario de Mostra de Interese que podes atopar nesta páxina, e enviándoo a dirección de correo electrónico brsuarez@uvigo.gal.

¿Ata cando podo inscribirme ?

A Mostra de Interese debe estar asinada antes do 15 de Xullo. O proxecto iniciarase en Setembro, momento no que se formalizará a participación no proxecto

¿Que supón a miña participación ?

Un compromiso co proxecto. En Setembro, o centro deberá asinar o seu compromiso de participación con proxecto. O cálculo de recursos necesarios para executar o proxecto depende do número de entidades participantes, polo que é importante manter o compromiso ao longo de todo o curso escolar.

¿Que se ofrece ?

Fundamentalmente, a oportunidade de involucrar ao alumnado nun proceso de investigación real no marco dunha investigación financiada con fondos europeos, así como nunha conferencia internacional que reunirá a máis de 600 persoas de todo o mundo. Trátase dun proxecto innovador e pioneiro que pretende sentar precedentes na forma de levar a cabo a investigación.

Ofrécese, polo tanto, una experiencia única tanto para o profesorado coma para o alumnado. Ao finalizar o curso, tódalas persoas involucradas (docentes e alumnado) recibirán a súa acreditación conforme teñen participado no proxecto de forma activa.