O máis destacado deste singular proxecto é que o alumnado de 3º e 4º da ESO e 1º de Bacharelato poderá implicarse nun proceso de ciencia real no marco das ciencias sociais, unha experiencia novidosa e pouco habitual, unha oportunidade única para involucrar á cidadanía en procesos de ciencia cidadá e conectar á comunidade científica coa sociedade.
Esta iniciativa pretende servir de ponte entre a conferencia ESSE-Decrecemento 2024, que se celebrará en Pontevedra o vindeiro ano, e as persoas máis novas da cidade. Desta maneira, involucrando ao alumnado, preténdese establecer unha conexión con esas persoas, que serán as que se verán máis afectadas no caso de que a inacción fronte ás problemáticas ambientais e sociais se manteñan no tempo.
O proxecto conta co apoio da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación.