¡A Primavera do Decrecemento está a piques de comezar !

A Primavera do Decrecemento é un ciclo de charlas e obradoiros dirixidas á cidadanía organizado no marco da Conferencia Internacional ESEE-Decrecemento 2024, que se celebrará durante os meses de abril, maio e xuño na cidade de Pontevedra. A primeira das actividades terá lugar o xoves 11 de abril.

Este ciclo está promovido polo grupo Post-Growth Innovation Lab co apoio da Universidade de Vigo e o Concello de Pontevedra, e conta coa colaboración e participación de diferentes persoas e organizacións galegas e nacionais. 

Organizarase unha actividade cada semana na que se falará e debaterá, dende o prisma do poscrecemento/decrecemento, sobre diferentes temas de interese social coma o traballo, a vivenda, o sistema bancario ou o ecoloxismo.

Os eventos terán lugar en distintos emprazamentos do centro da cidade, e a entrada será de balde ata completar o aforo.