A conferencia organízase de acordo cos valores e principios fundamentais do decrecemento e a economía ecolóxica. Tanto a organización anfitrioa, o grupo Post-Growth Innovation Lab, como o Comité Organizador da conferencia seguen igualmente estes valores e principios. Nos parágrafos seguintes descríbense en maior profundidade:
Cooperación: Cooperamos con actores individuais e colectivos, tanto locais como internacionais. Estes van desde os gobernos locais ata grupos activistas internacionais.
Participación da sociedade civil: Na conferencia preténdese implicar diversos axentes locais e organizaremos unha serie de actividades que brindarán a oportunidade de reunir a comunidade local e a científica. Dado que, en efecto, por veces se chega a percibir que o coñecemento científico lle resulta inaccesible ao público xeral, con este evento aspírase a promover e posibilitar novas formas de intercambio de coñecemento (en ambas as direccións).
Sustentabilidade: Na preparación e desenvolvemento da conferencia, priorizamos o obxectivo de que as repercusións para o medio e a sociedade sexan as menores posibles. Aquí tómanse en consideración aspectos como a elección dun catering sustentable, a localización do evento e a escolla de provedores que compartan connosco o compromiso coa sustentabilidade.
Solidariedade: Queremos fomentar esta actitude entre as persoas participantes na conferencia ofrecendo unha “tarifa de solidariedade”, que consiste nun prezo de inscrición optativo máis elevado que suxerimos a aquelas persoas mellor establecidas para apoiar a participación de estudantado e persoal académico de contornas menos privilexiadas.
Inclusividade: O evento pretende ser o máis inclusivo posible, facilitando o acceso sen chanzos ás persoas con necesidades de mobilidade. Dispoñerase de intérpretes de lingua de signos previa solicitude. Así mesmo, teremos en conta distintas necesidades e preferencias dietéticas, como intolerancias á lactosa ou ao glute e alerxias.
Igualdade: Garantir a igualdade de xénero, raza e representación LGBTQ+ é de capital importancia na organización desta conferencia. Todos os comités e órganos organizadores esfórzanse por ser igualitarios en canto ao xénero e por ofrecer espazos de libre expresión. A conferencia fará fincapé no uso da linguaxe inclusiva tanto na comunicación oficial como no propio evento.