Entre o 17 e o 21 de xuño de 2024 terá lugar na cidade de Pontevedra a Conferencia Internacional ESEE-Decrecemento 2024, unha importante cita que acollerá de maneira conxunta a 10ª Conferencia Internacional de Decrecemento e a 15ª Conferencia da Sociedade Europea de Economía Ecolóxica (ESEE). Baixo o título Ciencia, tecnoloxía e innovación máis aló do crecemento: cultivando a creatividade colectiva para un futuro sostible, este evento será unha das citas máis importantes do ano na Universidade de Vigo, xa que reunirá ás principais expertas e expertos a nivel internacional do eido do decrecemento e a economía ecolóxica para debater sobre temas de gran relevancia e actualidade, coma enerxía, benestar, tecnoloxía, ecoloxía política, feminismo, xustiza social e moitos outros.
Ademais das actividades académicas, a Conferencia contará cunha nutrida axenda de actividades extra-académicas abertas ao público entre as que haberá charlas, mesas redondas, obradoiros e concertos, e nas que participarán divulgadoras, escritores, artistas, activistas, editores...
A organización deste evento está a ser coordinada dende o Post-Growth Innovation Lab, un grupo de investigación da Universidade de Vigo dirixido polo investigador Mario Pansera. Aínda que o grupo ao completo está implicado na organización desta cita, para que todo saia perfecto precisaremos contar con máis persoas durante os días da conferencia que poidan dar apoio á equipa organizadora en diferentes tarefas. Por este motivo, estamos a crear un grupo de voluntariado no que nos gustaría poder contar con persoas coma ti 😉.