Voluntariado para a conferencia

Entre o 17 e o 21 de xuño de 2024 terá lugar na cidade de Pontevedra a Conferencia Internacional ESEE-Decrecemento 2024, unha importante cita que acollerá de maneira conxunta a 10ª Conferencia Internacional de Decrecemento e a 15ª Conferencia da Sociedade Europea de Economía Ecolóxica (ESEE). Baixo o título Ciencia, tecnoloxía e innovación máis aló do crecemento : cultivando a creatividade colectiva para un futuro sostible, este evento será unha das citas máis importantes do ano na Universidade de Vigo, xa que reunirá ás principais expertas e expertos a nivel internacional do eido do decrecemento e a economía ecolóxica para debater sobre temas de gran relevancia e actualidade, coma enerxía, benestar, tecnoloxía, ecoloxía política, feminismo, xustiza social e moitos outros.

Ademais das actividades académicas, a Conferencia contará cunha nutrida axenda de actividades extra-académicas abertas ao público entre as que haberá charlas, mesas redondas, obradoiros e concertos, e nas que participarán divulgadoras, escritores, artistas, activistas, editores...

A organización deste evento está a ser coordinada dende o Post-Growth Innovation Lab, un grupo de investigación da Universidade de Vigo dirixido polo investigador Mario Pansera. Aínda que o grupo ao completo está implicado na organización desta cita, para que todo saia perfecto precisaremos contar con máis persoas durante os días da conferencia que poidan dar apoio á equipa organizadora en diferentes tarefas. Por este motivo, estamos a crear un grupo de voluntariado no que nos gustaría poder contar con persoas coma ti 😉. 

¿Cales serán as principais funcións das persoas voluntarias ?

  • Colaborar na preparación dos espazos nos que se celebrarán as actividades e na sinalización dos mesmos
  • Preparar as salas para as diferentes sesións e actividades
  • Recibir ás persoas participantes e colaborar no proceso de rexistro
  • Preparación de materiais a entregar ás persoas participantes
  • Da apoio na loxística para os servizos de cafés e comidas
  • Informar e guiar ás persoas participantes nos espazos do evento
  • Dar apoio en cuestións relativas cos servizos informáticos ás relatoras/es das sesións
  • Colaborar en tarefas de divulgación e difusión antes e durante a Conferencia
  • Colaborar na toma de fotografías e vídeos durante a conferencia para a páxina web e as redes sociais

¿Que obterán a cambio as persoas voluntarias ?

O máis importante é que lles dará a oportunidade de participar de balde nun evento científico internacional e facelo dunha maneira activa e totalmente inmersiva, ao formar parte da organización da mesma. Pero, ademais, terán as seguintes vantaxes :

  • Nos tempos nos que non estean realizando as tarefas que lles teñan sido asignadas, poderán acceder de maneira gratuíta a todas as actividades da Conferencia, sen necesidade de aboar ningún tipo de inscrición.
  • Ao finalizar o evento recibirán un documento que acreditará a súa participación no Comité Organizador Local da conferencia (este tipo de méritos resultan de utilidade en convocatorias públicas de recursos humanos e son ben valorados á hora de acceder a algúns postos de traballo).
  • Recibirán tamén un certificado de asistencia á Conferencia, similar ao que recibirán o resto de persoas participantes.
  • 1,3 créditos de libre configuración para as persoas da UVigo que participen no evento, tanto coma asistentes de pago coma as que formen parte do equipo de voluntariado.
  • Accederán de balde ás comidas oficiais da Conferencia durante eses días.
  • Recibirán unha camisola cun deseño exclusivo creado para a conferencia, que deberán vestir cando estean realizando as tarefas de voluntariado e que se quedarán coma recordo ao finalizar o evento.

  • Poderán coñecer xente nova e formar parte dun equipo de traballo internacional, xa que algunhas das persoas que participarán como voluntarias son estranxeiras.

¿Cal será a dinámica de traballo ?

Aínda que o evento dará comezo oficialmente o martes 18 de xuño pola tarde, día que se celebra a xornada inaugural, as actividades iniciaranse o luns 17 de xuño, xa que ese día haberá un Simposio de Doutoramento, terá lugar a Asemblea Xeral da Rede Internacional deDecrecemento (IDN) e celebraranse varias actividades extra-académicas pola tarde. A Conferencia rematará o venres 21 de xuño.

O calendario estimado de colaboración das persoas voluntarias será o seguinte :

  • Xornada 1 - Sesión explicativa a cargo da equipa organizadora, creación de equipos e toma de contacto: data por determinar durante a primeira quincena de xuño.
  • Xornada 2 – Asignación de tarefas e inicio da preparación de espazos: venres 14 de xuño
  • Xornadas 3-7 – Sesións de execución de tarefas durante a Conferencia: do 17 ao 21 de xuño

Organizaranse diferentes grupos e repartiranse as tarefas de tal maneira que cada persoa voluntaria non realice xornadas de máis de 5 horas diarias e que todas as persoas participantes teñan ocasión de asistir a diferentes sesións e actividades da Conferencia que poidan ser do seu interese. As primeiras quendas iniciaranse sobre as 8.30 da mañá e as últimas rematarán sobre as 21.30 da noite. Teranse en conta as preferencias e condicionantes das persoas voluntarias á hora de elaborar os calendarios.

¿Quen pode participar como voluntaria/o ? ¿Como podo apuntarme ?

Calquera persoa maior de idade pode solicitar unirse ao equipo de persoas voluntarias. É importante, iso si, que aquelas persoas que o soliciten estean dispostas a adquirir o compromiso e a cumprir coas encomendas que se lles fagan dende a equipa organizadora da Conferencia.

A participación nesta actividade será unha bonita experiencia para o voluntariado e, coma se indica no apartado anterior, dende a organización tratarase de adaptar as tarefas e horarios ás necesidades e condicións de cada voluntaria/o, e de garantir que poidan desfrutar das actividades da Conferencia tamén coma asistentes, limitando o tempo de traballo no evento. Pero para isto é necesario que as persoas que formen parte do equipo de voluntariado o fagan dunha maneira responsable e que, de ofrecerse a participar, sexan honestas co seu compromiso.

Para solicitar formar parte do voluntariado da Conferencia Internacional ESEE-Decrecemento 2024 é preciso cumprimentar este formulario antes do 31 de maio de 2024.

Se tes algunha dúbida, ponte en contacto connosco a través do enderezo comm_esee-degrowth2024@uvigo.gal